12feb
O Courel, Habelas Hainas

O Courel, Habelas Hainas

O Courel soubo conservar como ningunha zona en Galicia unha paisaxe intacta e unhas poboacións rurais vivas. A pisa da castaña de Froxán, o museo de Xan de Vilar ou a festa dos toxos de Vilamor no interior das cortes son só unha pequena parte do enorme legado de costumes e oficios que aínda perviven nalgún lugar de Galicia, porque si, “habelas, hainas”.

Afastado das grandes capitais, a Serra do Courel, esténdese na provincia de Lugo dende Quiroga a Pedrafita do Cebreiro. Esta última localidade é a máis coñecida da zona por ser a entrada natural do Camiño de Santiago francés e polas súas características “pallozas” con tellados de palla.

Foto: Víctor Barro url

Pero de todos os vales galegos por descubrir e que o outono tingue de mil cores, o Courel é a xoia etnógráfica da provincia e quizais de toda Galicia. E é que aquí os usos e costumes permaneceron intactos durante séculos, a paisaxe esculpida polos seus habitantes e os pobos salvados do “bum” inmobiliario, para ben ou para mal, converteron o val do río Lor nun lugar onde viaxar no tempo ata un pasado que resulta ao mesmo tempo familiar e estraño.

No Courel todo ten outro ritmo, o dos cultivos, o das estacións, pero sobre todo o do froito dos castiñeiros e é que hoxe en día a comarca segue como outrora vivindo en boa parte da recolleita e manipulación das castaña. Se o viaxeiro é de bota e bastón e está disposto a seguir o paso tranquilo da natureza aquí atopará, durante a primeira semana de decembro, a festa de interese cultural do pisado da castaña de Froxán.

Foto: Víctor Barro url

Nas ladeiras do Pía Páxaro (teito do Courel con 1.616 m) ademais dos belísimos pobos de Vilamor, Froxán ou Vilar que percorren esta ruta, apíñanse sobre terrazas os soutos centenarios que os seus habitantes aloumiñan como o máis prezado tesouro.

Foto: Víctor Barro url

ITINERARIO:

A ruta pode comezar en Valdomir, onde deixaremos o coche unha vez pasada a ponte sobre o Lor. Pero tamén o pode facer dende Vilamor, evitando uns tres quilómetros de estrada.

A localidade de Vilamor está situada a 600 m sobre o nivel do mar e é a cabeza do municipio. Conta con varias casas rurais e un restaurante moi recomendable onde convén reservar.

Foto: Víctor Barro url
Foto: Víctor Barro url

O pequeno núcleo de casas que se arremuíña sobre unha lomba na vertente dereita do río Lor ofrece un bo conservado centro con casas tradicionais e que fará as delicias dos amantes da arquitectura tradicional.

O sendeiro cruza a estrada en dirección ao río e baixa ata este por un vieiro cheo de follas de castiñeiro e carballo sobre laxes de lousa. Esvaradío segundo a época do ano e seguro en outono. Ao chegar, unha ponte de madeira déixanos do outro lado do Lor e comezamos a subir cara a Vilar entre fragas de castiñeiros centenarios que ofrecen un dos momentos apoteóticos da ruta.

Foto: Víctor Barro url

O núcleo de Vilar está a 2 km do anterior, 550 m sobre o mar e é o máis pequeno dos tres que vista a ruta. Aínda que practicamente deshabitado, Xan de Vilar aínda nos venderá mel e abriranos o seu museo etnográfico que recolle unha gran cantidade de utensilios doutra época. Obxectos para medir e pesar, recipientes, aparellos para o campo, a vendima, a pisa da castaña, para o gando e tantos outros usos tradicionais que nos farán viaxar ao pasado recente.

Abandónase o pobo de Vilar tamén polas fragas de castiñeiros pasando fronte ao palco da festa. O camiño, neste punto, percorre un promontorio sobre o río ata a ermida de San Roque e, posteriormente, ata o Castro Grande, estupendo mirador de toda a ruta e do río Lor, que neste punto forma un meandro e retórcese para pasar entre as ladeiras.

Foto: Víctor Barro url
Foto: Víctor Barro url
Foto: Víctor Barro url

Retrocedendo uns poucos metros ata a ermida, o camiño continúa, primeiro baixando por un sendeiro moi evidente e empinado que, ao cruzar o Lor, ascende suavemente ata o último dos pobos que visitaremos, Froxán, a 450 m sobre o mar e uns 3 km e medio despois de ter saído de Vilar.

A localidade acolle a festa da “pisa da castaña” nas primeiras semanas de decembro e é o epicentro das tradicións que teñen que ver co produto estrela do Courel. Froxán aparece case de repente entre as árbores de ribeira tinxidas de cores ocres e amarelos. Se a iso se suma que se beneficiou de cuantiosos fondos para a súa restauración, o pobo actual presenta un aspecto impecable: unha beleza.

Foto: Víctor Barro url

O lavadoiro na praza do pobo serviranos de punto de referencia para tomar o camiño de volta a Vilamor. A opción que che propoño cruza a estrada e toma unha “corredoira” (camiño rural entre muros de pedra) para evitar o asfalto. A cambio, deberase asumir un modesto desnivel a maiores. Este último tramo é o máis longo e ocupa algo máis de 5 km pero transita por un camiño forestal cómodo que nos agasallará cunha fermosa panorámica do pobo de Vilamor.

Foto: Víctor Barro url

FICHA TÉCNICA

Como chegar: Pola N-120 á altura de Quiroga tómase en dirección a Folgoso do Courel (21 km) pasando o Alto do Boi. Xusto nese pobo de Folgoso tomas a estrada cara ao río en dirección Vilamor – Valdomir. En calquera destes dous puntos pódese comezar a ruta.
Dificultade: Fácil
Denivel: 600 m acumulados
Lonxitude: 11 km
Tempo: 3 horas 30 minutos
Cartografía: IGN 156 IV. A Xunta e o Concello de Folgoso contan con cartografía propia suficiente para esta ruta.
Máis información: www.serradocourel.es

  • Aloxamento en Folgoso do Caurel: www.albergueturisticofolgosodecaurel.com - 658045921
  • Restaurante “Casa Rural el Comerciante” en Vilamor: 982155100. Comida de caza (Reservar).
  • Taxi: 982433125 – 628544710 – 676073862

Outros puntos de Interese: A devesa da Rogueira é unha xoia botánica Galega (Dende a localidade de Moreda). Tamén é interesante o conxunto arquitectónico de Pedrafita do Cebreiro.

Foto: Víctor Barro url
Foto: Víctor Barro url
Foto: Víctor Barro url