Adega con profundas raíces (A Casa Grande ten documentadas leiras dedicadas a viñedos en 1850), cautelosamente modernizada, o xusto para que, sen perder a identidade, o albariño chegue aos nosos padais con todas as súas virtudes. Nesta leira e adega prima a cultura popular, atesourada por tres xeracións que actualmente representa Gerardo Méndez Lázaro, un vitivinicultor deste tempo, respectuoso co legado recibido, comprometido cos parámetros de calidade que esixe o degustador de hoxe.
A leira familiar mira ao lonxe ao mar de Arousa e aínda á boca da ría de Pontevedra. En pleno corazón do Salnés, ao pé da Armenteira e o seu cenobio, a casa solariega acolle vivenda e adega.