Cambados, conjunto histórico

A vila de Cambados conta cun privilexiado emprazamento no val do Salnés, na desembocadura do río Umia, á beira da Ría de Arousa, cunha costa baixa e areosa protexida dos ventos dominantes do suroeste. O seu núcleo urbano, de gran riqueza patrimonial, é resultado da unión contemporánea de tres antigas e independentes vilas históricas: San Tomé, a zona máis antiga, pobo de pescadores cun fermoso porto; Cambados, centro administrativo, onde hoxe se atopa o Parador Nacional de Turismo; e Fefiñáns, que era o distrito aristocrático e núcleo comercial.

Da riqueza e vistosidade do conxunto da vila dá fe un dito popular que reza que o demo se lle apareceu a Xesús cando estaba practicando o xaxún dos corenta días no deserto e tentouno dicíndolle "todo o mundo che darei menos Fefiñáns, Cambados e Santo Tomé". De feito, estes tres núcleos son o referente do cultivo do viño na comarca, recoñecéndose a vila como a capital do Albariño; contan ademais cun gran número de mariscadores que sacan un gran rendemento económico coa súa recolección.

Un paseo pola vila, berce de grandes escritores e artistas como Ramón Cabanillas, ou os escultores Asorey e Leiro, permite empaparse do sabor fidalgo e mariñeiro que conserva, descubrindo unha grande variedade de casas nobres e populares con patín, espalladas entre rúas e prazas. O turismo termal está moi desenvolvido na comarca do salnés que rodea Cambados con 5 spas no concello de Sanxenxo e 3 balnearios e 1 spa no concello do Grove, sendo unha moi boa opción de lecer e descanso para o visitante.


Para coñecer

O mellor xeito de coñecer a vila é facer un percorrido sucesivo por cada un dos núcleos orixinarios. Comezando por Fefiñáns hai que destacar o conxunto arquitectónico dos s. XVI e XVII que forman o Pazo de Fefiñáns ou Figueroa, o arco-ponte barroco, unha atalaia coñecida como Torre da Homenaxe e a Igrexa de San Bieito. O Pazo mostra unha fábrica moi coidada de inspiración italiana. Brasonado en todas as súas fachadas, ten dous amplos balcóns circulares. A Igrexa ten dous campanarios barrocos, e é moi fermoso o seu interior de estilo gótico, cunha espléndida bóveda e varios sepulcros. Neste mesmo núcleo aparece un elemento singular con poucos exemplos en Galicia, o Muíño de Mareas da Seca (s. XVII), hoxe museizado para explicar o seu funcionamento.

No núcleo de Cambados, ao que se accede polo arborado Paseo da Calzada, onde se acha o monumento dedicado ao poeta Ramón Cabanillas, atopámonos co Pazo dos Faxardo ou dos Salgado (s. XVII), brasonado e ben proporcionado; coa popular Casa das Cunchas, decorada no exterior con cunchas de vieira; ou coa asa Fariña (s. XVIII), ademais do Parador Nacional de Turismo del Albariño, ocupando o Pazo de Bazán (s. XVII).

Finalmente, accedemos ao barrio de pescadores de San Tomé, no que a riqueza patrimonial é igualmente moi importante. Cómpre percorrer a Rúa do Hospital que é a vía de entrada dende o centro de Cambados, na que se ergue o Pazo de Molto, antigo Hospital Real do s. XVI para enfermos de peste. Aquí están tamén as capelas do Hospital, barrocas, e Santa Margarita con cruceiro a carón da súa fachada. Por riba do resto de monumentos destaca neste sector o impresionante, pola súa monumentalidade, Pazo de Montesacro (s. XVIII) que forma conxunto coa Capela da Valvanera, situado nun pequeno outeiro con vistas ao mar. Conta cunha rexia escalinata de acceso e unha fachada moi influenciada polo barroco compostelán. A capela é contemporánea do pazo. Tamén en San Tomé, nunha pequena illa, aparecen as ruínas da Torre de San Sadurniño; erixida na Alta Idade Media e reformada no s. XII, funcionou como faro e torre vixía fronte ás invasións marítimas e foi abandonada no s. XVIII.

É moi recomendable a visita ao Museo Etnográfico do Viño na Avda. da Pastora, que fai un percorrido pola historia, a arte, a xeografía e a cultura popular relacionada co viño. A vila conta tamén con outro museo relacionado coa enoloxía, o Museo das Rotas do Viño "Pazo Torrado", na rúa Príncipe. Tampouco debemos deixar de visitar a Casa Museo de Ramón Cabanillas, en Fefiñáns, que recolle elementos da vida cotiá e da faceta de escritor deste ilustre cambadés; nin o Museo Casa do Pescador, na Alameda de San Tomé, relacionado co mundo do mar e o oficio da pesca. No Centro Comarcal Exposalnés, na Casa da Calzada, antigo edificio recuperado cun moderno anexo, hai unha exposición dos recursos comarcais.


Vila senlleira

Hai un lugar tremendamente evocador na vila que lles cómpre visitar a aqueles que gusten dos monumentos con aires románticos. Trátase das ruínas da Igrexa de Santa Mariña de Dozo, construída no s. XVI en estilo oxival tardío, que nos mostra o seu espiñazo nos catro arcos de medio punto que atravesan os restos da nave sen cuberta. Os capiteis historiados que podemos observar advírtennos do que nos espera se non nos afastamos dos vicios e pecados. Reforza a atmosfera romántica o camposanto que se introduce no solo da nave.


Non perderse

Durante a primeira semana de agosto celébrase a festa gastronómica máis antiga de Galicia e unha das máis relevantes de España: a Festa do Viño Albariño. Iniciouse en 1953. No día da festa en casetas habilitadas ao efecto varias bodegas serven a prezos populares os seus viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, acompañándoos de empanadas, mexillóns, pementos, ameixas e outros produtos do mar e da horta. Declarada de Interese Turístico Nacional. 


Fuente: turismo.gal