Ruta dos Miradoiros Lobeira-Faro das Lúas - VILAGARCIA DE AROUSA

Interese paisaxístico 

Partindo das inmediacións da Igrexa Parroquial de András, camiñamos algúns metros pola estrada e internámonos á dereita por unha pista forestal ata a primeira parada obrigatoria: o Faro das Lúas. Esta construción de aceiro inoxidable, que acabou adoptando este nome polo feito de reflectírense os raios do sol nas tres lúas situadas na súa parte máis alta, é un excelente miradoiro da Ría de Arousa e das illas de Arousa e mais A Toxa.

O camiño continúa por unha pista forestal bastante irregular pola que se ascenderá ata o Monte Lobeira (292 m), final deste percorrido. No seu cume atópase un miradoiro dende onde se pode enxergar a illa de Ons, o istmo do Grove e mesmo a serra do Barbanza e o val do Salnés, cando o día o permite. Tamén se alza un monumento ás vítimas do mar e unha placa do Almirantado británico que recorda os mariñeiros mortos no afundimento do buque escola Serpent.

Varios traballos arqueolóxicos permitiron descubrir no mesmo cume do monte 25 metros da antiga muralla e un grande alxibe no que se recollía a auga para os moradores da fortaleza.

Acceso: Na AP-9 que une Santiago de Compostela e Pontevedra coller a saída 119 pola autovía AG-41. Coller a saída 1 pola PO-300 e seguir as indicacións cara á PO-301 e á PO-9701, que nos leva directamente a András. Ao chegar á localidade, encontraremos as indicacións para acceder á igrexa.

Camiños de Santiago: Ruta do Mar de Arousa e Ulla


Fonte: Turismo.gal