Pazo de Montesacro: D. Diego de Zárate y Murga , I Marqués de Montesacro por decreto de Felipe V, construíu na vila de San Tomé o pazo de Montesacro no s. XVIII, ao estilo barroco da época.
Destaca na súa fachada o elegante escudo de armas dos Zárate y Murga, timbrado pola cruz de Santiago, e a coroa do marqués, da cal sae un brazo esgrimindo unha espada.
En 1937, a esposa do VIII Marqués de Montesacro, Dna. Juana María Grisone, ao quedar viúva e sen fillos, decidiu vender o pazo. Nun primeiro momento a compra ía a realizala o empresario cambadés D. Manuel Otero, pero finalmente optou por cedela ás "Hermanitas de la Caridad" para que puidesen ampliar o asilo que naquel momento estaba no pazo de Torrado.
O pazo de Monstesacro foi entón completamente remodelado, pasando a ser residencia de maiores.