A ruta pasa polos Concellos de Meis ( San Martiño e Armenteira) e Ribadumia ( Barrantes). Un vello camiño que se percorría tradicionalmente o luns de Pascua cara ao Mosteiro da Armenteira. A primeira parte é a ruta dos Muíños de Barrantes, dun quilómetro e medio, con seis muíños restaurados. Seguimos o curso do rio Armenteira para chegar ao Concello de Meis, onde atopamos os muíños de Serén. Un espazo sorprendente, perfectamente rehabilitado e cunha área recreativa nas ladeiras do monte Cabeza de Boi. Os muíños lévannos á "Aldea Labrega", unha representación en granito da vida rural galega de principios do século XX, con todos os elementos tradicionais,igrexa, hórreo, forno, cruceiro e animais domésticos, realizada integramente pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Empeza aquí a segunda parte da ruta, que ten unha dificultade media-alta. É tamén a zona máis sorprendente pola súa paisaxe, natureza en estado puro. Chegamos xa ao final do percorrido, o Mosteiro da Armenteira, que data do Século XII, obra da arquitectura cisterciense galega.