Baixo un moderno viaduto, que atravesa o río Ulla, atópanse as ruinas da antiga fortaleza: "Castellum Honesti". Foron levantadas no s. XII por orde do arcebispo Gelmírez, coa misión de pechar o paso ás expedicións escandinavas e sarracenas que se dirixían a Compostela. Durante o s. XVIII as murallas aínda se mantiñan en pé e serviron para defenderse dos ataques ingleses. Posteriormente caeron no abandono ata quedar no estado actual no que se atopan. Estas torres foron declaradas Monumento Nacional e exhiben a súa grandeza o primeiro domingo de agosto, cando se celebra a Romaxe Viquinga que recorda a pillaxe dos guerreiros normandos sobre as vilas costeiras da ría de Arousa.